Os irmáns Lobeira en Pasaia. Valeroso clan

2025, 4 de Noviembre

gerardo-lobeira

Gerardo Lobeira

Bieito Lobeira Domínguez

Foi un “Valeroso clan”, como proclama o himno nacional da Galiza. Viñan de Loira-Seixo, da comarca do Morrazo, Galiza, e traían con eles tradición de loita e mobilización mariñeira no seu país. Xente brava e reivindicativa, da que non achantaba. Xa na Galiza pelexando na defensa do seu tipo de arte de pesca tradicional e selectiva, o “xeito”, fronte á ameaza da traíña, importada polos “fomentadores” cataláns ligados á industria conserveira. Foi a “guerra da sardiña”, en que mulleres e homes de Loira e de toda Galiza non calaron nin claudicaron. Tamén na demanda da prohibición da pesca con dinamita, ou fronte a intentos de privatización do litoral. Viñan curtidos de loitas e sabían da necesidade da autoorganización política e sindical para propiciar calquera avance social.

O primeiro en chegar á badía pasaitarra foi Gerardo, en 1930. Gerardo Lobeira, o irmán máis vello. Tiña 22 anos, mais xa era un experimentado e extraordinario mariñeiro. A súa marcha, e posteriormente a de varios dos seus irmáns a Euskal Herria non foi, asegurámolo, produto de ningún espírito aventureiro. Lamentabelmente foi pura necesidade. Porque a vida no porto guipuscoán era basicamente traballo, moito traballo, esforzo e sacrificio en longas xornadas no mar, e condicións tamén moi duras en terra, en moitos casos durmindo no chan apiñados en cuartos cheos e compartidos con outros mariñeiros. “Anos de escravitude”, que diría algún outro emigrante galego, tamén de Seixo, embarcado en Pasaia. O único positivo, polo que pagaba a pena ese desterro económico, eran uns ingresos que permitían tamén derivar, en boa parte, para a casa e a familia de orixe. Iso si, con moito aforro, máxima austeridade, e traballo até o límite.

A Bolsa de Wall Street fica lonxe de Loira e da Galiza, e tamén do oarsoaldea e Euskal Herria, mais os efectos de súa caída e a réplica da crise do sistema capitalista que se xera a nivel mundial na década dos anos 30, coas súas consecuencias económicas, sociais, e tamén políticas e mesmo ideolóxicas, chegarán tamén aquí, como chegaron ao resto de Europa e do Estado español. Teñamos tamén en conta que en 1931 proclámase a II República no Estado español. Pasábase da ditadura de Primo de Rivera e dunha breve fase de restauración monárquica á instauración dun sistema republicano que facilita, xunto coa situación socioeconómica que se está a vivir, a organización obreira e a expresión da conflitividade laboral nas rúas. Con todo, cómpre aclarar que a nova forma de estado republicana, coas súas contradicións, non supuxo nin o recoñecemento dos dereitos das nacións inseridas no Estado español como tampouco a resolución dos graves problemas que as clases traballadoras, e sobre todo no mar, viñan padecendo. Nin na Galiza nin en Euskal Herria. Todo o que se fixo, todo, houbo que traballalo, pelexalo e conquistalo.

Daquela, este paso de Gerardo foi en realidade un proceso colectivo, máis ben un drama colectivo, que atinxiu milleiros de galegos de boa parte do seu litoral, e que tivo como destino Pasaia, tendo como detonante a situación socioeconómica galega antes descrita. É un Gerardo curtido pola vida e o traballo do mar, responsábel e firme, leal ao seu país e á súa familia, e con principios xa asentados, que o leva a se afiliar ao sindicato pasaitarra “La Unión” (sección maquinistas) e a militar no PCE-EPK. A súa primeira proba de lume é a participación no denominado “masacre de Ategorrieta”, onde perderon a vida varios mariñeiros galegos por disparos da Garda Civil.

El está embarcado, como maquinista, en buques pertencentes á famosa casa armadora Ciriza. Alí permanecerá durante anos, até 1936, cando todo mudou. Despois de Gerardo viñeron, en 1934, os seus irmáns José, Manuel, Antonio, para se embarcaren tamén na frota pasaitarra, e mesmo a pequena irmá Consuelo, coa intención neste caso de poder escolarizala e formala, na procura dun futuro alternativo ao da miseria.

manuel-lobeira

Manuel Lobeira

O seu irmán Manuel Lobeira, afiliado á UGT e con contactos previamente preparados por Gerardo, embarca nada máis chegar a Pasaia no pesqueiro “Joaquín Costa”. Posteriormente faino no “Inestxo”, realizando campañas costeiras polo Cantábrico até Ribadeo, e de volta por Avilés, Santander, Santoña, ou Zumaia. A súa intención, naquela altura, era a de gañar días de mar e formación para se converter en Patrón de Cabotaxe.

antonio-lobeira

Antonio Lobeira

Antonio Lobeira, máis novo, teno todo moi claro desde o inicio. O primeiro que fai ao chegar a Pasaia, o 1 de abril de 1934, con só 18 anos, é afiliarse ao sindicato de orientación anarquista “Avance Marino” de Pasaia, ligado á CNT. É o socio nº 282 desta agrupación sindical, e xa exerce como fogoneiro na frota pesqueira, aínda que en realidade é engraxador-mecánico de 2ª en buques de pesca.

José

José Lobeira

O enderezo de José Lobeira en Pasaia varía segundo a época e os bares. El vive en cuartos cedidos por bares en Trintxerpe, establecementos que aquí e en toda Pasaia, ademais de improvisados hostais, exercían en realidade como auténticos centros sociais receptores e emisores de información, comunicación e paquetería. Os procedentes de cada vila ou parroquia do litoral galego “especializaban” a súa visita a determinadas tabernas, que exercían como “puntos de encontro” dos naturais deses lugares.

Fronte ao estereotipo falso e inxusto sobre o compromiso e a capacidade de loita dos galegos, o Trintxerpe -ese barrio mariñeiro de Pasaia onde os galegos eran esmagadora maioría- da década dos anos 30 posuía unha base social organizada en organizacións políticas e sindicais que facían deste enclave un espazo único, cunha fisionomía social abertamente revolucionaria, que escandalizaba á católica e alta burguesía donostiarra, a uns escasos seis quilómetros de distancia. Non era para menos. Calculan nun escaso 7% a poboación de Trintxerpe que asistía a misa os domingos. E en proporción inversa, aproximadamente o 75% participaba activamente do movemento sindical, con folgas temidas pola patronal polo seu espírito combativo e de resistencia. Foi por esas razóns que dende a parte donostiarra alcumaron o Trintxerpe dos nosos Lobeira como “terra pagana”, “burato bolchebique”, ou directamente “meca do sóviet vermello”.

É tempo de mobilización e de loita, mais hai tempo tamén para o amor. Gerardo casará en 1934, en Aizarnazabal, con María Corta Irureta, deste mesmo concello gipuzkoano. Irán vivir a Herrera, barrio moi próximo a Trintxerpe, no naquel momento existente concello de Altza, e altzatarra será a súa primeira filla. Non é casualidade este vencello dos Lobeira con Altza, na memória familiar lémbrase que José no 1936 tiña o seu enderezo na casa Sarasola 7 de Herrera. Postos en contato con AHM ao trabeso de FATO CASTELAO, fornecen estos dados. Nela vive Basilio Sarasola coa súa familia, que é quen de da-lo nome á casa. E inda que non coñecen referencias dos Lobeira, si teñen constacia do aluguer a unha familia da Pobra do Caramiñal.

E chegou 1936. Os catro irmáns decidiron incorporarse activamente á loita contra o franquismo, e en defensa da democracia, da xustiza e da liberdade. Tres deles -José, Manuel e Antonio- fano voluntariamente na Mariña de Guerra Vasca, a bordo de diversas unidades navais con base en Portugalete, onde a súa experiencia mariñeira lles permitiría prestar un labor militar máis efectivo. Gerardo faino desde unidades de infantería en terra, con combates en primeira liña e especial prioridade na defensa de Bilbo.

E mentres, a pequena Consuelo, despois do shock que supuxo os bombardeos de Durango e sobre todo o de Gernika sobre poboación civil indefensa, fai parte dese numeroso continxente de milleiros de crianzas que fuxe da guerra por mar, evacuándose na Franza, no porto de Pauillac, e de alí a Briançon, onde a acollerá unha familia.

Gerardo ten un último episodio ligado a Pasaia. É agosto de 1936. Toda Euskal Herria está xa baixo dominio franquista. El ten os seus tres irmáns refuxiados na Franza, do mesmo xeito que a súa irmá pequena Consuelo, a súa muller María e a súa filla, daquela só un bebé. Toda a familia fóra, e el en Pasaia, terra inimiga naquela altura. Así que, valéndose dunha pistola, secuestrará a punta de pistola o pesqueiro pasaitarra “Miren-Ainguerua”, xunto aos seus tripulantes, conducíndoo ao porto de Baiona.

E os catro irmáns, xa na Franza, deciden reintegrárense na loita, neste caso dende Catalunya. O compromiso militante e demócrata dos irmáns Lobeira levaráos por distintos derroteiros vitais. Gerardo, que acabará sendo activista na Resistencia francesa contra a ocupación nazi, morrerá metrallado nunha misión case ao remate da Segunda Guerra Mundial, en 1944. Manuel, despois de diversas peripecias, incluíndo a súa estadía en campos de concentración en Tunisia e Alxeria, ou labores de intelixencia para os aliados no norte de África, poderá finalmente reconstruír a súa vida como refuxiado político en México. José, cun historial tamén de campos de concentración no sul da Franza, poderá, con cautela, volver anos despois ao Estado español. E o máis pequeno dos irmáns, Antonio, cae en combate, atravesado por un balazo, na batalla do Segre. Os seus restos continúan hoxe soterrados nunha foxa común en Cervera (Lleida).

Eis, moi resumida, o devalar biográfico dos irmáns Lobeira, que tiveron en Pasaia unha vida, traballo e actividade que sen dúbida os marcou. Cónstanos. Eles foron os que lle botaron peito, os que deron a cara, os que non claudicaron, aos que nunca derrotaron. Os que quixeron construír unha Galiza libre, e unha sociedade xusta e diferente, mais non lles deixaron. Dalgún xeito, somos o que somos grazas a eles. Foron xente anónima, sen ansia de protagonismo, que merece que a súa historia sexa contada.

Daniel Castelao, en 1937, publica a súa proposta de escudo para Galiza, inspirado -confésao- nos milicianos galegos. Trátase dunha serea que sostén un emblema co lema “Denantes Mortos que Escravos”, como símbolo de orgullo, de loita e de liberdade para o pobo galego. Esta foi a proclama que sen dúbida inspirou a vida dos irmáns Lobeira.

Etiquetas:

Dejar un comentario

Estibaus

Categorías

Noviembre 2025
L M X J V S D
« Oct    
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930

RSS

Últimos comentarios

  • zapi
    (2025, 1 de Octubre)
    «ekintza ikusgarria eta erabat berritzailea gure Herriaren nodik norakoak belaunaldi berriei hausnartzen laguntzeko.. Proposamen bat..lanaren azalpenetan korrikarako egin zen hormirudiarekin bukatzen ...»
  • Ion Urrestarazu
    (2025, 12 de Agosto)
    «A mi siempre me llamó la atención, pues no parece muy heráldico, y viendo la complejidad de las piezas exhibidas ...»
  • Estibaus
    (2025, 11 de Agosto)
    «"Baserria" erakusketarekin batera, irailaren 10ean , Gipuzkoako Foru Ondare Historiko-Artistiko Saileko Ainara Iroz Zalba eta Josu Maroto Peñagarikanoren eskutik ...»
  • Zigor Etxeburua
    (2025, 23 de Julio)
    «Zorionak egindako lanarengatik. Datuz ederki hornitu duzue, eta Altzako garapen ekonomiko sozialaren alderdi ezezagun hau argitara eman duzue. Interesgarria litzateke ...»
  • Joseba M. Peña
    (2025, 22 de Julio)
    «Eskerrik asko hitzak hauengatik. Besarkadak »

etiquetas


En la red